Sunday 12 de May de 2024

A videocreación galega máis destacada súmase á programación do Fanzine Fest


O Concello promove un ano máis este evento de música electrónica, que terá lugar do 4 ao 9 de decembro con numerosas propostas internacionais, nacionais e galegas

O festival de música electrónica de vangarda Fanzine Fest, cuxa novena edición terá lugar do 4 ao 9 de decembro de 2023, dá a coñecer a programación da sección FPS-BPM, a sección específica do evento dedicada ao cinema e ao sector audiovisual. Durante as dúas primeiras xornadas do festival, o público coruñés poderá descubrir novas propostas da videocreación galega e estatal máis destacada do momento nos Museos Científicos Coruñeses. O Goberno de Inés Rey mantén o seu apoio a este evento nunha aposta por diversificar a oferta cultural da cidade, á vez que se enchen espazos singulares como o Castelo de San Antón, o Planetario ou a Domus con interesantes proxectos de música electrónica.

O martes 5 de decembro, a Domus acollerá unha xornada na que se darán a coñeceralgunhas das propostas máis recentes da actual escena da videocreación galega. ColectivoMIL 111, Verbose, Allova, Colectivo MOM, CZARINA and the Kitsunés, Jairo Moreno e David Fidalgo presentarán, nunha sesión de entrada libre que terá lugar no auditorio do museo, os seus novos traballos audiovisuais. Tras a exhibición das pezas -tanto de carácter experimental como de formato videoclip-, María Núñez e Juan Lesta, comisarios de FPSBPM, moderarán un coloquio co público asistente.

Colectivo MIL 111, o dúo artístico vigués conformado por Iria del Bosque e Borja Bernárdez, presentará en ‘Fanzine Autoescopia: o universo observándose a si mesmo’, un traballo que nace inspirado na coñecida reflexión de Carl Sagan. Pola súa banda, o instrumentista e deseñador sonoro Carlos Bravo dará a coñecer ‘Cyra’, unha performance audiovisual que materializa a traxectoria do seu proxecto ‘Verbose’ e o Colectivo MOM (o trío conformado por Miryam Pato, Óscar Domínguez e Manuel Fonte) presentará o seu ‘Test’, a súa nova peza de carácter experimental.

Ademais, durante a xornada FPS-BPM tamén se poderá ver o novo videoclip de Allova, que nace froito da colaboración entre a versátil cantante, pianista e produtora Alla Mukhaylova e o multidisciplinar Darío Perez, ou o vídeo ‘Ulla’, peza creada por Jairo Moreno para o single homónimo do grupo Músculo, que actuará no mesmo espazo o mércores 6 (as entradas para o seu directo están esgotadas). Durante a sesión do martes 5 tamén se proxectará o videoclip de animación ‘Kitana’, creado por David Fidalgo para Delone, ou The Fox’s Wedding, película musical creada polos premiados Kitsunés (Vero Faye e Carlos Kitsuné) para o proxecto sinfónico e de dark electrónica CZARINA, que dirixe a propia Vero.

A videocreación, tamén no planetario

Ademais da xornada FPS-BPM, a videocreación estará presente na xornada inaugural de Fanzine Fest. O luns 4 de decembro, Planetario x WE acollerá a proxección, en formato fulldome, de ‘Xénese’, de Gnomalab, o proxecto creativo do artista catalán Juanjo Fernández Rivero, que regresa este 2023 ao festival para facer ouvir a súa voz autodidacta, crítica e singular. As entradas para esta sesión, na que tamén actuarán os coruñeses Lefrenk & The Panic Room, están esgotadas.

Fanzine Fest 2023

Fanzine Fest 2023 propón unha ampla programación que ofrece unha visión heteroxénea e actual da vangarda musical. No seu cartel conflúen artistas de traxectoria internacional, tanto do ámbito sonoro como do visual, con creadoras e creadores emerxentes do ámbito local ou galego. Así, figuras internacionais como Steffi, Samuel Kerridge, Acidulant, Amulador, James Shinra, Nullptr ou Boris Divider visitarán este outono A Coruña, cidade na que residen nomes que tamén forman parte do cartel do festival, como ROI, Lefrenk, Baldo ou The Panic Room.

Na súa novena edición, que terá lugar do 4 ao 9 de decembro en diferentes localizacións icónicas da Coruña, como os Museos Científicos (Planetario e Domus), o castelo de San Antón, a igrexa das Capuchinas ou a Fundación Luís Seoane, o público poderá achegarse ao amplo abano estilístico que se recolle na escena electrónica, como Techno, IDM, experimental, acid, ambient, electro ou house, entre outros. Ademais, programaranse diferentes charlas e proxeccións abertas a todos os públicos e numerosas sesións gratuítas.